Luis López sinala a Festa do Albariño de Cambados como a mostra de que as Rías Baixas son “o mellor destino para desfrutar do enoturismo”

O presidente provincial foi nomeado cabaleiro da Orde do Albariño nos actos do Capítulo Serenísimo dunha festa na que tamén entregou un dos premios aos gañadores da cata

04/08/2024

O presidente provincial foi nomeado cabaleiro da Orde do Albariño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de recibir a capa coa que foi investido como novo cabaleiro do Albariño nos actos de conmemoración do Capítulo Serenísimo da edición número 72 da Festa do Albariño que se clausurou este domingo en Cambados. O mandatario provincial participou no tradicional desfile das confrarías e autoridades ata o Pazo de Fefiñáns, onde se entregaron as distincións dos Albariñenses de Honra, dos Xóvenes Albariñenses, das Follas de Prata e tivo lugar a imposición de capas aos novos cabaleiros e damas da Orde do Albariño. "Recibir a capa de cabaleiro do Albariño é un orgullo", afirmou o presidente durante a celebración do acto.

Ao rematar a cerimonia, os asistentes desprazáronse ata o Pazo de Torrado para desfrutar dun xantar de confraternidade que rematou coa entrega da Folla de Ouro á pregoeira Vitoria Oubiña, da asociación Mulleres do Mar de Cambados, e a entrega dos premios da Cata dos Viño Albariños da denominación de orixe Rías Baixas, nos que o presidente da Deputación entregou o terceiro premio.

"Hoxe poñemos o broche de ouro a cinco días de celebración que demostran por que Cambados e as Rías Baixas son o mellor destino para desfrutar do enoturismo. Poderiamos selo porque nesta vila celebramos a festa do viño máis antiga de Galicia e a segunda de España. Tamén porque a nosa provincia conta con máis de 180 bodegas e máis de 5.000 profesionais agrupados baixo unha denominación de orixe que é sinónimo de excelencia, calidade e profesionalidade. Ou mesmo porque cada ano a Festa do Albariño bate récords de visitantes. Pero somos o mellor destino porque cada ano son máis as persoas que elixen a nosa provincia para desfrutar da nosa cultura, para descubrir a nosa inmensa riqueza natural ou para gozar da nosa rica gastronomía e dos nosos exquisitos viños Rías Baixas. Escóllennos porque ofrecemos calidade de vida, porque ofrecemos experiencias 100 % Rías Baixas", sinalou o presidente Luis López antes da entrega de premios.

Neste sentido, o titular do goberno provincial tamén louvou o traballo dos profesionais do sector e tendeu a man da Deputación para seguir colaborando para que os viños Rías Baixas e o enoturismo siga a ser unha das grandes fortalezas da provincia. "Camiñamos xuntos para seguir levando aos mercados internacionais o mellor da nosa, deseñamos xuntos novas experiencias relacionadas co viño ás persoas que nos visitan e traballamos xuntos para que os nosos produtores, as nosas bodegas e todo o sector vitivinícola siga sendo referencia e sumando premios e recoñecementos en todo o mundo", subliñou López.

"Os viños Rías Baixas son os mellores embaixadores da nosa provincia", rematou o presidente, quen amosou a súa satisfacción e deu os parabéns a todas as persoas e entidades implicadas na organización por poder participar nesta LXXII Festa do Albariño de Cambados, un evento de interese turístico internacional e "unha experiencia 100 % Rías Baixas".

Galerias de imagenes