A Deputación leva ata Baiona a mostra itinerante “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, para poñer en valor ás mulleres da emigración

A exposición, que foi inaugurada pola deputada provincial Sandra Bastos e arrancou cun faladoiro no Museo da Navegación a cargo de María Cadaval, María Xosé Rodríguez e María Xosé Porteiro, poderá visitarse ata o 8 de xullo na Paseo Ribeira

18/06/2024

Mostra itinerante Pontevedra e América. Unha mirada en feminino en Baiona

“Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, chegou este martes ao Paseo Ribeira de Baiona. A exposición foi inaugurada pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e arrancou cun faladoiro para render homenaxe ás mulleres que forman parte da mostra no Museo da Navegación, no que tamén participaron María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, Mª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo.

“Cando pensamos na emigración –asegurou a deputada- acostumamos esquecer o papel que desenvolveron as mulleres”. “Elas –engadiu Sandra Bastos- foron fundamentais e desempeñaron un papel decisivo para o desenvolvemento da vida económica, social e tamén persoal de Galicia e América, marcando fitos en diferentes ámbitos como a educación ou a defensa da lingua”.

Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón son as protagonistas da exposición. Mulleres, todas elas, para as que Pontevedra marcou unha parte importante da súa experiencia vital e, ao mesmo tempo, mantiveron vínculos e vivencias en terras americanas. O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración ou circunstancias persoais, entre outros factores é o que as une a todas. Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, outras mantiveron unha intensa e prolongada vivencia naqueles países, sendo noutros casos a estadía máis curta, pero non menos intensa.

Tras pasar xa por Pontevedra, Vigo, Lalín, Cerdedo-Cotobade, O Porriño e chegar agora a Baiona, onde poderá visitarse ata o 8 de xullo, a mostra “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” continuará neste 2024 o seu percorrido polos concellos da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.