A Deputación leva este a luns a Vila de Cruces unha actuación de Pelepau no marco de “+Música”

O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo das festas patronais de Cruces en honra á Virxe da Piedade

11/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música” a actuación musical de Pelepau que se celebrará este luns 12 de agosto a partir das 19:00 horas na Praza do Concello de Vila de Cruces. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Pelepau é unha formación nacida no ano 2010 co fin de adaptar temas de tradición galega para percusións e voces. Está composta por 11 percusionistas, todos eles mestres en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega de recoñecida traxectoria. Os instrumentos de percusión empregados polo grupo nos seus concertos son, na súa gran maioría, tradicionais, destacando os que antigamente eran utensilios do día a día como culleres, tixolas, botellas de anís ou morteiros. Teñen dous discos publicados, ‘Fío e Agulla’ e ‘Na beira’. O grupo levará á Cañiza o espectáculo “Pelepau Sinfónico”, no que mesturará a música clásica coa música tradicional galega.

O concerto de Pelepau está incluído nas actividades organizadas por Vila de Cruces dentro das súas festas patronais en honra á Virxe da Piedade, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.