Luis López convida a visitar a exposición “A Galicia inédita” no vestíbulo do Pazo provincial para descubrir o “magnífico labor” dos fotoxornalistas de Galicia

O presidente provincial inaugurou este luns unha mostra composta por 73 fotografías realizadas por fotoxornalistas e que poderá visitarse ata o vindeiro 28 de xuño

03/06/2024

exposición fotoxornalistas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o “magnífico labor” dos fotoxornalistas da provincia e de todo o conxunto de Galicia así como a “excelente calidade” do seu traballo durante a inauguración da exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” que se poderá visitar no vestíbulo do Pazo provincial ata o día 28 de xuño.

“Sodes artistas da cámara”, recoñeceu Luis López o algúns dos autores desta colección de fotografías que asistiron á inauguración. “O fotógrafo debe ter mirada e ao mesmo tempo saber onde mirar. Se somos unha provincia que é envexa a nivel mundial, gran parte de mérito tédelo os medios gráficos por proxectar esa imaxe da provincia”, engadiu o dirixente durante a inauguración desta obra promovida pola Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia.

A mostra recolle obras, inéditas ou xa publicadas, de 73 profesionais que desenvolven o seu traballo en Galicia e ten como obxectivo dar a coñecer a obra do fotoxornalismo ao público xeral, así como divulgar o seu protagonismo na comunicación do acontecer cotiá de Galicia. As imaxes están ademais acompañadas por lendas de corte literario, elaboradas por xornalistas que tamén desenvolven a súa labor na comunidade autónoma. Conflitos laborais, actos políticos, incendios forestais, narcotráfico ou manifestacións artísticas e festas culturais, compoñen a gran variedade de temas que se reflexan na mostra, ademais de paisaxes que afondan na xeografía natural e humana de Galicia.

“Cando me propuxeron acoller esta mostra aceptei sen pensalo non só porque a miña profesión frustrada é a de fotógrafo, non só porque o magnífico labor que está a realizar a Asociación de Periodistas de Galicia o merecía, non só pola excelente calidade destas 73 instantáneas. Aceptei porque queríamos ter aos gráficos todos xuntos e por fin dicir: o cazador, cazado; e que esta vez sexades vós os fotografados”, declarou o mandatario provincial.

Despois de felicitar a todos os artistas polo seu traballo e poñer en valor o labor destes dous colectivos do ámbito da comunicación, Luis López convidou a toda a cidadanía a achegarse ao Pazo provincial para desfrutar desta exposición composta por 73 fotografías. “Abrir a Deputación a estas exposicións é un dos obxectivos que temos, porque é facer que a Deputación se achegue á xente”, rematou Luis López.

Galerias de imagenes