A Deputación destina 230.000 euros para financiar os servizos de información e atención ao público en 26 oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas

As entidades reciben axudas económicas de entre 7.000 € ou 14.000 €, no caso dos municipios turísticos, para prestar os servizos de información e atención aos visitantes

21/06/2024

xunta de goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno aprobou o reparto de 230.000 euros entre 26 oficinas de turismo da rede provincial Info Rías Baixas destinados a financiar a prestación do servizo de información e atención ao público. “Hoxe arrancan as vacacións escolares, moitas familias comezan a programar o desfrute do seu tempo de lecer, e queremos que esta provincia estea perfectamente preparada” asegurou López quen engadiu que “somos moi conscientes da importancia do sector turístico e queremos colaborar na súa profesionalización, para que os visitantes vivan unha experiencia 100% Rías Baixas e volvan unha e outra vez á nosa provincia”.

Cos recursos aprobados na Xunta de Goberno desta semana un total de 26 oficinas da rede provincial  Info Rías Baixas poderán sufragar os salarios dos profesionais que atenden aos turistas. En concreto, trátanse das oficinas da Estada, A Guarda, A Illa de Arousa, As Neves, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Catoira, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz – Balneario, Nigrán, O Grove, Oia, Poio, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

Cada una delas recibirá una achega de 7.000 euros ou de 14.000 euros, no caso de que as oficinas estean localizadas en municipios turísticos. E as persoas que contraten deben ser diplomadas en Turismo, ter o ciclo de Formación Profesional en Guía, Información e Asistencias Turísticas ou en Comercialización Turística e Guía, ou contar co certificado de profesionalidade de promoción turística local e información ao visitante.