Luis López sinala a Festa do Viño Tinto Rías Baixas das Neves como mostra do potencial do enorutismo para o desenvolvemento sustentable da provincia

O presidente provincial participa na cata popular que abriu a décimo oitava edición dunha festa que “é unha referencia no calendario festivo do verán nas Rías Baixas”

24/07/2024

Festa do Viño Tinto Rías Baixas das Neves

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a relevancia de festas como a Festa do Viño Tinto Rías Baixas de As Neves como eventos dinamizan a actividade económica en concellos do interior da provincia e que contribúen a consolidar o enoturismo como un dos grantes atractivos do destino Rías Baixas. O mandatario provincial participou este mércores na inauguración desta cita e na cata popular que serve para inaugurar a décimo oitava edición dunha celebración que exalta a calidade dos viños tintos da denominación de orixe Rías Baixas. “O enoturismo é un deses camiños polos que podemos seguir medrando para construír un destino sustentable, desestacionalizado e beneficioso para os concellos de toda a provincia”, asegurou Luis López.

A Festa do Viño Tinto Rías Baixas das Neves celébrase neste Concello da comarca do Condado desde hai 18 anos. Neste 2024, a celebración comezou o pasado día 20 cunha ruta de senderismo ata a bodega Señorío de Rubiós, onde tivo lugar unha cata; seguiu o día 23 cunha conferencia e, este mércores, a enóloga Almudena Alberca dirixiu unha cata profesional que precedeu á cerimonia de apertura da festa co protocolario corte da cinta seguida da cata popular. Para este xoves, está previsto o pregón a cargo da enóloga Alberca, novas catas do tinto Rías Baixas e actuacións musicais.

Antes de convidar a toda a veciñanza da provincia e aos turistas que pasan as súas vacacións de verán na provincia a participar nunha festa que é unha “experiencia 100 % Rías Baixas”, o presidente da Deputación deu os parabéns a todas as persoas implicadas na organización dunha festa que “xa é toda unha referencia no calendario festivo do verán na nosa provincia” e puxo en valor os viños da denominación de orixe Rías Baixas como “embaixadores da nosa provincia en todo o mundo”.

Galerias de imagenes