A Deputación abre este venres o prazo para solicitar as axudas para a realización de actividades turísticas, dotadas de 80.000 €

Con esta liña de subvencións, por concorrencia competitiva, o goberno de Luis López busca fomentar o turismo na provincia distribuíndo axudas que ascenden a un máximo de 5.500 €

25/07/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres o prazo para solicitar as axudas para a realización de actividades turísticas, dotadas de 80.000 euros. Con esta liña de subvencións, por concorrencia competitiva, o goberno de Luis López busca fomentar o turismo na provincia distribuíndo axudas que ascenden a un importe máximo de 5.500 euros e non poden superar o 70% do orzamento do proxecto.

Serán obxecto de subvención aquelas actividades turísticas que desenvolvan entidades sen ánimo de lucro entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2024. E, en concreto, as actividades deben estar dirixidas a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como divulgar os recursos turísticos da provincia como poden ser a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar e o termalismo.

As solicitudes deben  presentarse ata o 26 de agosto por medios electrónicos e a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Nas bases da convocatoria poden consultarse todos os detalles desta liña de axudas provinciais.