A vicepresidenta Luisa Sánchez participa na presentación da Iacobus Maris 2024 e enxalza o valor desta iniciativa que “reivindica o papel central de Vigo e da provincia no Camiño de Santiago”

26/06/2024

Luisa Sánachez na presentación do Iacobus Maris

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de participar na presentación da Iacobus Maris 2024, unha proposta que ten por obxectivo “recordar unha viaxe épica: a que fixeron os restos do Apóstolo Santiago, a través de océanos e mares nunha barca de pedra ata chegar a Galicia”. Sánchez, felicitou a Mario Cardama e Celso González, presidente e director da Fundación Translatio, por esta iniciativa que comezou no 2022 “cunha travesía que fixo historia ao ser a primeira gran peregrinación Xacobea de grandes veleiros”.  Neste eido, agradeceu a aposta da entidade por seguir impulsando a Iacobus Maris e, con elo, “espallar, recordar e valorar o noso pasado, para que chegue ás xeracións futuras, e colocar á provincia de Pontevedra e a Vigo no lugar que se merece, reivindicando o seu papel central no Camiño de Santiago”.

Ademais, Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para amosar a vontade da Deputación de Pontevedra de apoiar e colaborar con proxectos como este, “que poñen o punto de mira sobre esta cidade, contribúen a que a provincia de Pontevedra vaia a máis e conseguen que todos os que aquí se acheguen vivan unha experiencia única que será, sen dúbida, 100% Rías Baixas”.