A Deputación analiza co Concello do Porriño a situación da estrada provincial EP-2401 O Porriño-Mosende para poñer en marcha un proxecto de mellora da mobilidade peonil

A deputada Isabel Couselo reuniuse co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, para incorporar as demandas do goberno local ao proxecto que vai redactar o servizo provincial de Infraestruturas

31/08/2024

A deputada Isabel Couselo reuniuse co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo

A Deputación de Pontevedra analiza co Concello do Porriño a situación da estrada provincial EP-2401 O Porriño-Mosende para poñer en marcha un proxecto de mellora da mobilidade peonil. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, reuniuse co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, para incorporar as demandas do goberno local ao proxecto que vai redactar o servizo provincial de Infraestruturas.

En liñas xerais, Couselo e Lorenzo realizaron un percorrido pola estrada provincial e estudaron as diferentes alternativas para avanzar na construción dunha vía máis segura para o tránsito peonil. Deste xeito, tal e como avanzaron, está previsto que o proxecto para a mellora da mobilidade peonil na EP-2401 incorpore actuacións de humanización desde Torneiros cara Mosende.

O proxecto de mellora da estrada Porriño-Mosende trátase, tal e como recordou a deputada Isabel Couselo, dunha das principais demandas e prioridades trasladadas polo alcalde do Porriño en canto ás estradas provinciais que atravesan a vila.