A Deputación leva o programa provincial +Música este sábado a Bueu co concerto de Dakidarría

O calendario do programa inclúe concertos nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que se celebrarán ata o próximo mes de setembro

17/05/2024

Este sábado, 18 de maio, a Deputación de Pontevedra continuará espallando a música galega a través do programa provincial “+Música”. Neste caso farao en Bueu e cun concerto da banda Dakidarría, que se celebrará na zona de aparcadoiro do Xardín das Lagoas a partir das 22:30 horas con asistencia de balde.

Con “+Música” a Deputación de Pontevedra está a apoiar a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poñendo á súa disposición un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega ou, no caso de formacións instrumentais, que interpretan pezas de autoría galega. O obxectivo é contribuír á difusión e o fomento da cultura galega, promovendo a reputación da provincia como destino cultural.

Con máis de vinte anos de historia ás súas costas, Dakidarría é unha das bandas referentes nos festivais musicais galegos e un dos grupos consolidados no panorama musical. O seu estilo caracterízase pola fusión de estilos e a enerxía enriba do escenario, e en todo este tempo editaron seis discos: “Fragasauros Rex” (2005), “El futuro nunca existió” (2008), “Realidades alienantes...” (2010), “...Utopías emergentes” (2011), “10 anos na rúa” (2013), “...Utopías emerxentes” (re-edición en galego, 2015), “De cuncas e de mar” (2016), “Filosofía Incendiaria” (2018) e “Colaxe” (2022). O grupo editou este ano o álbum “XX en directo” coa gravación do concerto celebrado en Revenidas o pasado verán.

Entre este mes de maio e o de setembro están previstas un total de 59 actuacións nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 no mes de maio, 2 no mes de xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. As próximas citas serán a de Lucía Pérez, o 26 de maio en Portas, e a de Francisco Castro e a Banda dos Borges, o próximo 8 de xuño en Mos (concerto previsto para o pasado venres pero adiado por mor da choiva). “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.