A Deputación aproba achegas para que 204 asociacións de 49 concellos desenvolvan actividades culturais

Trátase dun investimento de 250.000 € para que as entidades promovan festivais, festas, semanas culturais ou mostras de música entre outros

19/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar un total de 204 subvencións para que outras tantas asociacións e entidades de 49 concellos da provincia poidan desenvolver iniciativas culturais, en especial as dirixidas á reivindicación do patrimonio material e inmaterial. O orzamento que a institución destina a esta liña de subvencións ascende a 250.000 euros. Con estes recursos, as entidades e asociacións de todo o territorio poderán promover actividades como festivais folclóricos, festas, semanas culturais, foliadas ou mostras de música entre outras.

Na comarca de Vigo, 68 entidades son beneficiarias: 54 da cidade de Vigo, de Mos (5), O Porriño (1), Redondela (5), Salceda (3). Recibirán 89.391€ para festivais internacionais e folclóricos, encontros de corais, actividades escénicas, festivais folclóricos, exposicións, xornadas divulgativas, certames de banda deseñada e de regueifas, intercambios culturais, certames e encontros de bandas de música, festivais de cinema, concertos, xornadas forestais e micolóxicas e ciclos culturais.

Por outra banda, no caso da comarca de Pontevedra son 30 entidades: A Lama (1), Marín (3), Caldas (1), Cuntis (4), Portas (1), Pontevedra (11), Moraña (3), Poio (3), Ponte Caldelas (2) e Vilaboa (1). Terán subvencións por valor de 41.343 euros para exposicións, eventos de baile tradicional, foliadas, xornadas da muñeira, encontros da mocidade, encontros musicais internacionais, roteiros artísticos, festivais culturais, concertos, a celebración da festa Belle Epoque, intercambios culturais, romarías, participación en festivais internacionais, xornadas de homenaxe ás mulleres e homes do mar, a feira Edugal, exposicións, semanas dos museos, actividades musicais ou encontros de entroido.

En Deza e Terra de Montes, son 29 entidades: Agolada (2), Rodeiro (1), Cerdedo-Cotobade (2), A Estrada (8), Forcarei (1), Lalín (5), Silleda (7) e Vila de Cruces (3). Contarán con 36.016 euros para festivais de bandas, monólogos, festivais de acordeóns e de música tradicional, festivais de música rock, romarías cabalares, intercambios musicais e culturais, xornadas etnográficas e antropolóxicas, celebracións do Día Mundial do Acordeón ou encontros con artistas e encontros culturais.

Outros 21.704 euros servirán para que 19 entidades dos concellos de Cambados (2), Catoira (1), O Grove (1), A Illa de Arousa (1), Meaño (1), Sanxenxo (3), Valga (3) e Vilagarcía de Arousa (7), da comarca do Salnés, poidan levar a cabo semanas culturais, magostos, festivais e intercambios entre bandas de música, xornadas sobre historia, exposicións filatélicas, numismáticas e fotográficas, mostras culturais, a celebración do centenario de Conde Corbal, concursos de poesía, ciclos cinematográficos, celebración do orgullo LGTBI, mostras culturais ou concertos de rock.

Na comarca do Baixo Miño, as subvencións son por valor de 20.911 euros para 18 entidades: A Guarda  (1), Oia (3), O Rosal (2), Tomiño (4) e Tui (8) para organizar semanas culturais, concertos, festivais de música, folclóricos e de bandas, así como festivais de cultura tradicional, xornadas de xogos populares ou encontros de danza,.

No Morrazo son 21 entidades de Cangas (17), Bueu (2) e Moaña (2) as que se benefician de 17.085 euros para festivais de alboradas, a estrea da área social do FicBueu, concertos de corais, certames de arte, festivais folclóricos, xornadas de exaltación da arte galega, mostras poéticas.

No que se refire ás comarcas do Condado e Paradanta as axudas chegarán a 12 entidades: Arbo (2), Covelo (1), Mondariz (3), Mondariz-Balneario (1), As Neves (3), Salvaterra (1) e Ponteareas (1) que contarán cun total de 13.047€ para levar a cabo festivais culturais e folclóricos de danza, xornadas micolóxicas, mostras de danzas, intercambios culturais, sesións literarias e musicais, a festa dos maios ou a celebración do Samaín.  

Por último, no Val Miñor, son 7 entidades da comarca: Baiona (2), Gondomar (4) e Nigrán (1) recibirán un total de 10.498€ para desenvolver festivais folclóricos, intercambios culturais, semanas culturais ou xornadas sobre videoxogos e literatura.