Visto e prace da Deputación de Pontevedra á execución en Vigo das ramplas mecánicas entre as rúas de Álvaro Cunqueiro e Tarragona cun custe de 2,82 millóns de euros

A institución provincial vén de aprobar o convenio que permitirá o financiamento desta obra de mellora da mobilidade urbana sostible, ao abeiro do acordo de colaboración subscrito entre ambas as dúas administracións

07/09/2024

A Deputación de Pontevedra vén de dar o seu visto e prace á execución das ramplas mecánicas entre as rúas Álvaro Cunqueiro e Tarragona, a través da aprobación do convenio que permitirá que o Concello de Vigo poida facer fronte o financiamento desta actuación municipal.

A intervención, que se desenvolverá nun tramo de 138 metros cadrados na rúa Pintor Colmeiro,  enmárcase ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre ambas as dúas entidades para levar a cabo actuacións de mellora da mobilidade urbana sostible na cidade de Vigo.

Cun coste estimado da obra de 2.826.209 euros, contará cunha achega por parte da Deputación de 1.918.713 euros. Correspondendo así preto do 70% a fondos provinciais.

Os traballos, segundo figura na memoria técnica do proxecto, contemplan non solo a incorporación de elementos mecánicos para a mellora do tránsito peonil nunha rúa complexa de elevada pendente, se non ampliar as beirarrúas -en detrimento da banda de aparcamento no marxe par da rúa-, incorporar un novo paso de peóns e substituír as luminarias actuais.

De maneira que esta actuación derivará nunha mellora considerable da mobilidade e seguridade de peóns e vehículos, aproveitando a actuación para renovar as redes de saneamento e abastecemento. Esta previsto que esta obra comece no primeiro trimestre do vindeiro ano cun prazo de execución 11 meses.

Este é o primeiro dos tres convenios que firmarán a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo por un importe conxunto de 6,2 millóns de euros. Trátase da solución proposta pola institución pontevedresa para rescatar as partidas que estaban próximas a caducar correspondentes aos proxectos que o Goberno local non foi capaz de executar no marco do convenio vixente. Unha medida que salva investimentos para a cidade que doutro xeito perderíanse.

Estas actuacións súmanse a outros proxectos xa comprometidos para a cidade de Vigo, entre os que se atopan os 13 millóns de euros da grada de Gol de Balaídos ou os 4,6 millóns de euros destinados á compra do Cine Fraga. En suma, 30 millóns de euros, o investimento máis alto da historia da Deputación na cidade de Vigo.