Luis López subliña a colaboración da Deputación coa Asociación Española contra o Cancro para recoñecer e apoiar o “excelente” labor que presta en toda a provincia

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, visita a sede da AECC en Pontevedra para asinar un convenio de colaboración que fomenta a atención biopsicosocial ao paciente e aos seus familiares

17/06/2024

visita a sede da AECC en Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu o "excelente" labor que os integrantes da Asociación Española contra o Cancro realizan en toda a provincia para atender ás persoas que sofren esta enfermidade e aos seus familiares nunha visita á sede que este colectivo ten en Pontevedra para asinar un convenio de colaboración que permita a posta en marcha, ao longo deste ano 2024, dun programa de "Atención biopsicosocial ao doente oncolóxico e aos seus familiares" para o que a Deputación achega 15.000 euros.

Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o mandatario provincial explicou que a finalidade desta colaboración entre a Deputación e a AECC pasa por "proporcionar unha atención integral á persoa enferma de cancro e a súa familia para mellorar a súa calidade de vida, así como para sensibilizar á poboación sobre a enfermidade".

Entre os obxectivos deste convenio figuran os de minimizar as alteracións emocionais derivadas da enfermidade, favorecer a integración social dos pacientes, previr a aparición dos síntomas desta doenza, contribuír a atender as necesidades básicas das persoas doentes, orientar aos pacientes na procura de recursos sociais ou favorecer o asociacionismo, a incorporación ao mercado laboral e sensibilizar a poboación sobre hábitos de vida sans.

Ambas as entidades comparten ademais un espírito municipalista para "construir unha provincia na que vivir moito mellor, porque a AECC chega a case todos os concellos, algo que nós, que somos a casa de todos os concellos, tamén facemos", salientou o dirixente.

"A Deputación está agradecida a AECC por todo o traballo que está a realizar e, pola nosa parte, amosamos a disposición máxima para seguir colaborando en todo o que poidamos facelo", agradeceu Luis López despois de asinar o acordo e realizar un percorrido polas instalacións dunha asociación na que traballan 28 persoas que prestan unha atención integral aos pacientes e aos seus familiares.

Galerias de imaxes

audios