A vicepresidenta Luisa Sánchez asiste no Castelo de Soutomaior ao VI Foro Empresarial de Empresarias Galicia

20/06/2024

VI Foro Empresarial de Empresarias Galicia

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este xoves ao VI Foro Empresarial organizado por Empresarias Galicia e que tivo lugar no Castelo de Soutomaior coa participación de arredor de 20 directoras e altos cargos. A vicepresidenta deu a benvida ás participantes e asistentes a este importante recurso turístico da provincia de Pontevedra, propiedade da institución provincial, e no que as persoas inscritas á actividade puideron gozar dunha visita guiada.

A vicepresidenta provincial asegurou que “nunha sociedade que nos segue impoñendo barreiras ás mulleres, é fundamental non só que cheguemos ao máis alto senón que se organicen foros coma este, onde se visibilicen os vosos logros e se compartan as vosas traxectorias, coñecementos e visións para que a sociedade se beneficie delas establecendo sinerxías”. Por iso, Sánchez lembrou que neste foro “coñecemos exemplos de que é posible romper o teito de cristal” grazas a un grupo de mulleres que son “un exemplo de fronte común ante os maiores retos e ameazas ás que nos enfrontamos”. A vicepresidenta da Deputación defendeu ademais que “temos que ver estes espazos como unha oportunidade non para mirarnos ao embigo, senón para amosarlle ao mundo o profesionais que somos e o moito que temos que aportar como líderes”.

Galerias de imaxes