A Deputación ultima o prazo para obter as axudas á realización de actividades turísticas

As axudas, que buscan fomentar o turismo na provincia, distribuiranse por concorrencia competitiva cun crédito de 80.000 euros

21/08/2024

A Deputación de Pontevedra pechará o próximo luns 26 de agosto o prazo para solicitar as axudas para que entidades da provincia sen ánimo de lucro poidan realizar actividades de carácter turístico ao longo do ano 2024. Con esta liña de achegas, que conta cun orzamento de 80.000 €, a institución provincial busca colaborar no fomento do turismo da provincia de Pontevedra por mor da importancia que este sector ten no conxunto da provincia, converténdoa nun exemplo de excelencia en calidade, accesibilidade e sustentabilidade. 

As achegas outorgaranse por concorrencia competitiva e non poderán exceder o 70% do seu orzamento, ata un máximo de 5.500 euros por cada entidade beneficiaria. Serán obxecto de subvención aquelas actividades turísticas que desenvolvan entidades sen ánimo de lucro entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2024.

As actividades a financiar deben estar dirixidas a promover e a estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como divulgar os recursos turísticos da provincia, entre eles: a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar ou o termalismo.