Luis López comparte co tecido empresarial de Galicia o impulso aos investimentos, emprego, deporte e turismo realizado pola Deputación no último ano

O presidente provincial participa na clausura da segunda edición de Sinerxias, un encontro que reuniu en Vigo aos representantes dos principais colectivos empresariais de Galicia para analizar as circunstancias actuais que afectan ao sector

12/06/2024

O presidente provincial participa na clausura da segunda edición de Sinerxias

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o impulso que, ao longo de case un ano de xestión, está a realizar o goberno provincial a través de investimentos millonarios en obras e infraestruturas ao abeiro de programas como o +Provincia, o PON2030 ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas; o fomento do emprego mediante a contratación de 715 persoas en concellos de menos de 50.000 habitantes; o compromiso co mantemento das estradas provinciais ao mobilizar 60 millóns de euros para garantir o seu perfecto estado de conservación; ou a aposta polo deporte como complemento ideal para o turismo e a posta en marcha de iniciativas para consolidar as Rías Baixas como un destino turístico en crecemento e sustentable. Fíxoo no acto de clausura da segunda edición de Sinerxias, o Encontro de Organizacións e Entidades Empresariais de Galicia que tivo lugar este mércores en Vigo.

“O sector empresarial é ese motor económico que está a tirar da nosa provincia para levala ao seguinte nivel en eidos como o turismo, a innovación e a tecnoloxía, a automoción. a loxística e as enerxías renovables”, recoñeceu Luis López a importancia do tecido produtivo da provincia. Un colectivo que conta coa colaboración da Deputación, que “si recoñece a importancia dos empresarios, si apoia o emprendemento e si escoita a voz dos profesionais”, subliñou o titular do goberno provincial remarcando a necesidade de cooperación entre o sector público e o privado para construír unha provincia “forte, moderna e competitiva”.

O presidente da Deputación foi un dos encargados de pronunciar un dos tres discursos de clausura deste foro, xunto co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; e o conselleiro de Emprego, José González. Un encontro no que representantes dos colectivos empresariais máis importantes de Galicia analizaron, en conferencias e mesas de debate, as circunstancias actuais que afectan ao tecido económico da comunidade.

Neste sentido, Luis López subliñou o compromiso municipalista da Deputación de Pontevedra ao impulsar investimentos en todos os concellos da provincia, “desde o máis modesto, ata o máis grande, Vigo”. Unha aposta da Deputación pola cidade máis importante de Galicia que se traduce na sinatura do convenio para construirá a grada de Gol do estadio de Balaídos, que se  asinará este venres e supón un investimento de 13,5 millóns de euros; a colaboración coa Xunta para reabrir o Cine Fraga, ou a cooperación para conseguir que Vigo sexa sede do mundial de fútbol que se celebrará en España, Portugal e Marrocos no 2030. “Se o motor económico vigués funciona, Pontevedra, Galicia e España aceleran”, ilustrou López a importancia de Vigo para a economía de toda a provincia.

“A provincia tende pontes, pero nunca deixará de recoñecer a quen as constrúen: o sector empresarial”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra

Galerias de imaxes