Jorge Cubela participa no acto de inauguración da reforma da Biblioteca María Magdalena de Mos, financiada con recursos da Deputación

A institución provincial dedicoulle máis de 360.000 euros á renovación deste inmoble cultural situado na parroquia de Petelos e bautizado en homenaxe á poeta da Louriña

20/04/2024

Jorge Cubela na inauguracion da biblioteca de Mos

O deputado provincial Jorge Cubela asistiu hoxe á inauguración das obras de reforma da Biblioteca María Magdalena de Mos, financiadas con máis de 360.000 euros procedentes de fondos provinciais. O inmoble, situado no lugar da Porteliña, na parroquia mosense de Petelos, leva o nome da poeta da Louriña María Magdalena Domínguez, a quen o deputado, recuperando unhas palabras que lle dedicou a alcaldesa Nidia Arévalo, lembrou como “loitadora e moi culta, que superou moitísimas barreiras, e que non puido compartir co público a súa obra ata un momento avanzado da súa vida”.

Jorge Cubela recordou que os 360.000 euros de fondos da Deputación supoñen “unha importante porcentaxe do custo total, valorado en 600.000 euros”, e con eles foi posible “mellorar os seus espazos, facelos máis habitables e accesibles, conseguindo un importante aforro enerxético de ata un 80 % menos de emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera”.

Por iso, o deputado asegurou que “este edificio aglutina tanto o legado, ao estar bautizado co nome dunha das súas veciñas máis ilustres, coma o futuro, pois ten moi en conta o importante que é actuar para que teñamos un mundo habitable e mellor para as xeracións que veñen”. Cubela tamén puxo en valor “a sensibilidade do equipo de goberno de Mos á hora de deseñar estes novos espazos, adaptados á contorna e apostando por materiais de proximidade coma o granito rosa do Porriño”.

A renovada biblioteca de Mos é unha mostra da cooperación institucional, xa que aos recursos da Deputación de Pontevedra tamén se uniron os da Xunta de Galicia. O resultado é un edificio moderno e aberto, así como eficiente enerxeticamente debido á iluminación led, á instalación dunha bomba de calor, á optimización do illamento das catro fachadas e á instalación dunha nova cuberta de zinc.

 

Galerias de imaxes