A Deputación dá resposta a unha demanda histórica de Cangas investindo case un millón de euros na estrada O Viso-O Hío para transformala nunha “vía amable”

Carmela Silva, á veciñanza: “Xa vin moita xente a pé e tamén que as persoas con dificultades de mobilidade transitan agora con seguridade. Deséxovos que desfrutedes deste espazo que é voso”

02/11/2022

ESTRADA O VISO O HIO

A EP-1005, entre O Viso e O Hío, en Cangas, forma xa parte da listaxe de estradas provinciais transformadas en vías nas que a mobilidade integral, dando preferencia ás persoas que camiñan fronte aos vehículos, é protagonista. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou e comprobou hoxe o resultado dunhas obras que, cun orzamento de 930.753 euros, convertérona nun itinerario seguro para as persoas que se desprazan a pé ao longo dun eixe de comunicación cun quilómetro de lonxitude e no que conflúen unha alta presión residencial e unha importante densidade de tráfico en dirección ás praias.

 Carmela Silva, que en marzo de 2021 presentara o proxecto á veciñanza nun acto público, volveu, unha vez rematados os traballos, acompañada da alcaldesa, Victoria Portas, e membros da Corporación municipal. Durante a visita comprobaron os resultados da ampliación da plataforma gracias á incorporación de 42 parcelas para facer posible o “encaixe” dunha senda peonil con ancho mínimo de 2,50 metros que garante a mobilidade peonil en condicións de  seguridade, así como dúas plataformas sobreelevadas de preferencia peonil nos tramos máis estreitos. Unha obra na que a Deputación achegou o 80% do orzamento e o Concello o 20% restante.

Carmela Silva recordou que as primeiras promesas oficiais datan do ano 2006 “cando a Deputación gobernada polo señor Louzán anunciou unha gran obra aquí, pero non se fixo absolutamente nada”. Continuou explicando que en 2015 asinouse un convenio, “que non era máis que “palabrería”, porque nin sequera chegouse a redactar un proxecto. “Cando chegamos a gobernar, a mediados de 2015, atopámonos con que non había nada e que había que comezar de novo”. “Hoxe é unha realidade gracias ao traballo compartido entre a Deputación e o Concello de Cangas. Hoxe podemos sentir a enorme alegría de que algo prometido durante 16 anos, que xa son anos, se materializou. Ogallá nunca máis volva ocorrer que as veciñas e veciños teñan que agardar tanto tempo cando demandan unha obra que é xusta”.

A presidenta puxo en valor que a obra realizada nesta estrada provincial, entrados xa no ano 2022, baséase “nun modelo diferente, no que as persoas son o centro, e no que xa non se trata de facer beirarrúas estreitas, de apenas un metro que non permitían a circulación das persoas”. “Agora”, continuou, “facemos proxectos con zonas amplas de tránsito para a xente e por iso redactouse un proxecto que precisaba de conquerir que as persoas que viven neste quilómetro de estrada provincial, O Viso-O Hío, cederan os terreos necesarios para que a estrada deixara de ser de uso exclusivo para os vehículos”. Ademais, valorou a colaboración municipal.

A alcaldesa, Victoria Portas, afirmou que a transformación da estrada O Viso-O Hío “non foi unha obra sinxela, nin tampouco unha obra menor”. Engadiu que “os pés” sobre os que se asenta a execución deste proxecto non só foron institucionais, senón tamén veciñais, porque sen a colaboración das e dos residentes non tería sido posible sacala adiante diante do elevado número de cesións que era necesario concretar. “Agardamos que sexa a primeira de moitas obras con esta “filosofía”, porque, a verdade, é que me gusta”. A alcaldesa, que agradeceu a colaboración estreita e constante da Deputación durante todo o período de execución, anunciou a vontade do Concello de Cangas de “encaixar” outros proxectos que están na carteira dentro da mesma filosofía. “Moita xente agora dáse conta e verá esta obra como exemplo”.

Das dúbidas iniciais da veciñanza á satisfacción co resultado final

Á visita sumáronse veciñas/os da zona agrupados en torno á Asociación A Fontenova-Igrexario do Hío. O seu presidente, José Manuel Bastón, participou no acto e admitiu que ao principio a xente tiña “algunhas dúbidas”, “pero visto o resultado, quedamos contentas/os”. O comentario foi recollido por Carmela Silva, quen asegurou que a partir de agora a veciñanza doutras zonas do Morrazo visitarán a EP-1005 e reclamarán actuacións similares para as estradas que vertebran os seus territorios. “Cando viña para aquí xa vin a moita xente a pé, e tamén como as persoas con máis dificultades de mobilidade transitan agora con seguridade; así que deséxovos que desfrutedes deste espazo que é voso, porque non hai espazo máis democrático que o espazo público”. “O espazo público é un dereito”, remarcou.

Un quilómetro á medida das persoas que camiñan

A actuación ten unha lonxitude total dun quilómetro. A partir da mellora da intersección coa estrada comarcal autonómica, deseñouse a senda peonil continua e creáronse dúas plataformas únicas de convivencia con prioridade peonil, para garantir a accesibilidade. Ademais hai novo firme e sinalización, sistemas de calmado de tráfico con pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade. Todo elo reforzado cunha nova rede de iluminación eficiente a través da instalación de 43 farois con puntos led.

A nova senda discorre pola marxe dereita e garante o ancho mínimo de 2,50 metros dos itinerarios peonís que executa a Deputación. As novas zonas sobreelevadas están situadas nos dous estreitamentos da estrada, onde a presencia das vivendas impide gañar anchura, e totalizan 65 metros e 180 metros de lonxitude, respectivamente, de lonxitude. Ademais, renovouse por completo a sinalización horizontal e vertical de toda a vía. Finalmente, construíronse novas cunetas de borde e novas redes de drenaxe das augas pluviais e de servizos como a electricidade, telecomunicacións e abastecemento.

A nova estrada provincial EP-1005 segue o modelo de mobilidade segura que a Deputación está a implantar na rede provincial de estradas, dando prioridade ás persoas que camiñan ou con mobilidade reducida, en segundo lugar ás que circulan en bicicleta e, a continuación, aos vehículos de transporte público e os de transporte privado. O obxectivo é transformar as vías de comunicación en espazos seguros, equitativos e que fomenten a mobilidade universal.

Galerias de imaxes

videos