A Deputación reforzará a seguridade no edificio que alberga o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para evitar problemas de convivencia

A institución provincial vai encargar a redacción dun proxecto para definir as actuacións necesarias para incrementar a seguridade no edificio, entre as que se atopa a colocación dun enreixado exterior

15/06/2024

A Deputación de Pontevedra reforzará a seguridade no edificio que alberga o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para evitar problemas de convivencia e inseguridade. A institución provincial vai encargar a redacción dun proxecto para definir as actuacións necesarias para incrementar a seguridade no edificio, entre as que se atopa a colocación dun enreixado exterior no acceso ao edificio, onde se atopan as escaleiras e a rampla.

A través do proxecto está previsto reformar algúns elementos do acceso ao edificio do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para convertelo nun lugar máis seguro. Deste xeito, a proposta deberá ter en conta, entre outros aspectos significativos, o valor patrimonial da edificación, a funcionalidade e racionalidade do sistema de recollida de augas, o seu mantemento e a racionalización no sistema construtivo.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico recolle, organiza e serve a documentación producida polo servizos e organismos da Deputación de Pontevedra, xunto con aqueles outros fondos e coleccións documentais recibidas por vías e causas diversas. Ademais, a través deste servizo edítanse libros, o que comporta a análise do orixinal e a súa valoración para incluír na liña editorial da institución provincial, e organízanse xornadas e cursos de carácter monográfico, como os que anualmente promove arredor da heráldica.