A Deputación financia con 24.000 euros cinco proxectos de investigación da Universidade de Vigo que exploran a sociedade dixital desde unha perspectiva de xénero

Os recursos enmárcanse na Cátedra de Feminismos 4.0 que promoven a institución provincial xunto coa universidade. Catro dos proxectos están liderados por persoal investigador do campus de Pontevedra

21/10/2024

Dixitalización e traballo da muller, pornografía dixital, ciberviolencia de xénero, visibilidade dixital das protagonistas de obras teatrais e identificación das pioneiras do sector publicitario na provincia. Estes son os eixes temáticos dos cinco proxectos seleccionados na convocatoria de axudas á investigación da Cátedra de Feminismos 4.0, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Esta liña de axudas vai destinar 24.000 euros a financiar cinco estudos centrados, na maioría dos casos, nas implicacións da dixitalización da sociedade desde unha perspectiva de xénero. Catro deles están liderados por persoal investigador do campus de Pontevedra e un por unha docente do campus vigués.

Dous dos cinco proxectos seleccionados nesta edición obtiveron a puntuación máxima da comisión avaliadora, acadando ambos 6.000 euros, o financiamento máximo nesta convocatoria de axudas. Trátanse da investigación sobre as políticas fiscais de igualdade aplicadas ao traballo da muller e a dixitalización que levará a cabo a investigadora da Facultade de Dirección e Xestión Pública Soraya Rodríguez e do estudo que o profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán centrará na pornografía dixital. Concretamente, a súa investigación analizará sitios web de contactos de scorts na provincia de Pontevedra, desde unha perspectiva de xénero.

O terceiro proxecto con maior puntuación foi o presentado pola investigadora do grupo Sepcom e decana da Facultade de Comunicación Emma Torres, que acadou un financiamento de 5.400 euros, e que estará centrado na identificación das pioneiras da publicidade en Pontevedra e na busca de referentes para as futuras profesionais do sector

Outra das investigacións seleccionadas é Talía, coordinada pola Facultade de Filoloxía e Tradución, que recibirá 3.000 euros e que ten por obxectivo outorgar visibilidade dixital ás protagonistas femininas agochadas no teatro. Por último, tamén foi seleccionado nesta convocatoria un proxecto de prevención da ciberviolencia de xénero na poboación adolescente, no contexto de Pontevedra, que ten como responsable á catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Francisca Fariña, investigadora principal do grupo de Psicoloxía Xurídica e da Saúde e que obtivo un financiamento de 3.600 euros.

As axudas da Cátedra de Feminismos 4.0 están dirixidas a promover e potenciar a investigación no ámbito da cultura e da sociedade dixital en estudos feministas ou de xénero e van encamiñadas aos grupos de investigación dos campus de Vigo e Pontevedra para aumentar a presenza de mulleres nas áreas STEAM e evitar que e reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital. Ademais, outro dos obxectivos desta convocatoria de axudas é contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes que se dedican a investigación no Sistema Universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso da eliminación de discriminacións que recolle a Lei para a igualdade de Galicia.