A Deputación colabora coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo para a realización do proxecto “Camiño ao bo trato”

A institución provincial achega 6.000 euros para este programa formativo enfocado a afondar nos coñecementos dos procesos da violencia de xénero e garantir unha mellor atención desde o ámbito sanitario, docente, asistencial, policial ou xudicial ás súas vítimas

07/09/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo para a realización do proxecto “Camiño ao bo trato”, de carácter formativo e enfocado a afondar no coñecemento dos procesos da violencia de xénero para unha mellor intervención na praxe profesional.

O proxecto, ao que a institución provincial achega a cantidade de 6.000 euros, consiste en sesións de formación teórica e práctica dirixidas a unha variedade de públicos: persoas con interese na formación en xénero, mocidade, asociacións veciñais e do terceiro sector, profesionais que traballan directamente con mulleres ou teñan interese na intervención en casos de violencia de xénero, así como profesorado e alumnado dos centros de ensino da provincia.

Ademais das sesións formativas, no marco do proxecto “Camiño ao bo trato” tamén se realizarán accións de sensibilización, concienciación, prevención e detección da violencia de xénero. O programa abordará integralmente a violencia de xénero desde un encadramento psicosocial para coñecer e comprender as causas e os factores que a desencadean, buscando favorecer a detección de malos tratos, concienciar da necesidade de intervir desde a perspectiva de xénero no ámbito docente, sanitario, asistencial, policial ou xudicial, e favorecer habilidades relativas á prevención e á detección na intervención profesional.

Con esta acción, a Deputación busca de rachar coa internalización dos mandatos machistas que predispoñen a exercer ou sufrir malos tratos, a detectar comportamentos para previr a violencia antes de que esta se manifeste, xerar unha capacidade de escoita e comunicación coas mulleres que os padecen, así como promover unha cultura de convivencia, tolerancia e respecto á diferenza.