O ORAL aumenta o número de delegacións asumidas: Vila de Cruces adhírese á xestión de multas de tráfico
No Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicouse, o 26/03/2025, a aceptación da delegación de competencias efectuada polo Concello de Vila de Cruces na Deputación de Pontevedra para que, por parte do ORAL, se leven a cabo as facultades de recadación voluntaria e executiva e a instrución do procedemento sancionador por infraccións de tráfico.
26/03/2025
Este Concello deu un paso importante na xestión das multas de tráfico ao delegar a recadación e a tramitación dos expedientes sancionadores no ORAL, órgano dependente da Deputación de Pontevedra. Esta medida ten como obxectivo principal axilizar e optimizar o proceso, ofrecéndolles un servizo máis eficiente ás e aos cidadáns, e entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación obrigatoria no Diario Oficial de Galicia.
Que implica esta delegación?
- Tramitación de expedientes: o organismo provincial colaborará na tramitación dos expedientes sancionadores desde o inicio do procedemento ata a fase de recadación. Isto inclúe a fase instrutora do procedemento sancionador.
- Maior eficiencia: a colaboración do ORAL permitirá unha xestión máis eficiente das multas, ao reducir os tempos de tramitación e mellorar a atención á cidadanía a través dun servizo por todas as canles de atención das que dispón este ente.
- Recadación de multas: o ORAL encargarase tamén da recadación das multas de tráfico impostas no municipio, o que permitirá unha xestión máis áxil e centralizada dos pagamentos.
Beneficios para a cidadanía
- Maior comodidade: poderanse realizar os pagos das multas de forma máis sinxela e cómoda, a través das diferentes canles que ofrece o ORAL.
- Axilidade nos trámites: a colaboración co ORAL permitirá axilizar os trámites relacionados coas multas, ao reducirse os tempos de tramitación e mellorar a eficiencia do servizo.
- Maior transparencia: o devandito órgano provincial garante a transparencia na xestión das multas, ofrecéndolle á cidadanía información clara e detallada sobre o estado dos seus expedientes.
O ORAL conta na actualidade cunha ampla experiencia na tramitación e recadación deste tipo de procedementos. Con esta delegación, xa son un total de 38 municipios os que xestiona nesta materia, polo que suporá un importante avance na xestión das multas de tráfico en Vila de Cruces e impactará positivamente na calidade do servizo ofrecido á cidadanía.