Multas de tráfico

Nesta páxina podes atopar información detallada sobre múltalas tráfico


Tipos de infracción e contía das sancións

O artigo 80 do Real decreto lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, establece que as sancións serán:

  • Infraccións leves: serán sancionadas con multa de ata 100 euros
  • Infraccións graves: serán sancionadas con multas de 200 euros
  • Infraccións moi graves: serán sancionadas con multas de 500 euros

Con todo, as infraccións consistentes en non respectar os límites de velocidade sancionaranse coa contía prevista no anexo IV da mencionada normativa.

Sen prexuízo do disposto anteriormente, na imposición de sancións deberá terse en conta que:

a) As infraccións previstas no artigo 77.c) e d) serán sancionadas cunha multa de 1.000 euros. No suposto de condución con taxas de alcol superiores ás que regulamentariamente se establezan esta sanción unicamente se lle imporá á persoa condutora que xa fose sancionada no ano inmediatamente anterior por exceder a taxa de alcol permitida, así como á que circule cunha taxa que supere o dobre da permitida

b) A multa pola infracción prevista no artigo 77 j) será o dobre da prevista para a infracción orixinaria que a motivou, se é infracción leve, e o triplo, se é infracción grave ou moi grave

c) A infracción recollida no artigo 77.h) sancionarase cunha multa de 6.000 euros

d) As infraccións recollidas nos artigos 77.n), ñ), ou), p), q) e r) sancionaranse con multa de entre 3.000 e 20.000 euros

3. No suposto da infracción recollida no artigo 77.q) poderase impoñer a sanción de suspensión da correspondente autorización por un período de ata un ano. Durante o tempo que dure a suspensión a persoa titular non poderá obter outra autorización para as mesmas actividades.

A realización de actividades durante o tempo de suspensión da autorización levará aparellada, ademais, unha nova suspensión por un período de seis meses ao cometerse o primeiro quebrantamento e dun ano ao cometerse un segundo ou sucesivos quebrantamentos.

Multas por exceso de velocidade e perda de puntos correspondente

Límite
(km/h)
Exceso de velocidade
Grave Moi grave
20 21 - 40 41 - 50 51- 60 61 - 70 71+
30 31 - 50 51 - 60 61 - 70 71 - 80 81+
40 41 - 60 61 - 70 71 - 80 81 - 90 91+
50 51 - 70 71 - 80 81 - 90 91 - 100 101+
60 61 - 90 91 - 110 111 - 120 121 - 130 131+
70 71 - 100 101 - 120 121 - 130 131 - 140 141+
80 81 - 110 111 - 130 131 - 140 141 - 150 151+
90 91 - 120 121 - 140 141 - 150 151 - 160 161+
100 101 - 130 131 - 150 151 - 160 161 - 170 171+
110 111 - 140 141 - 160 161 - 170 171 - 180 181+
120 121 - 150 151 - 170 171 - 180 181 - 190 191+
Multa 100 € 300 € 400 € 500 € 600 €
Puntos - 2 4 6 6

Pagamento das sancións cunha redución do 50 %

A persoa infractora dispón de 20 días naturais desde o día seguinte á data de notificación da denuncia para pagar co desconto do 50 %.

Este trámite denomínase procedemento abreviado e implica as seguintes consecuencias:

  • Finaliza o procedemento
  • Esgótase a vía administrativa
  • Non se poden presentar alegacións; se se fan teranse por non presentadas
  • Non se pode presentar recurso de reposición
  • Só se pode presentar recurso contencioso-administrativo
  • A sanción é firme desde o momento do pagamento

Este procedemento sancionador non é de aplicación nas infraccións impostas por:

  • Conducir vehículos con inhibidores de radar
  • Non identificar o condutor ou facelo incorrectamente
Concellos que delegaron as multas no ORAL
  • Baiona
  • Barro
  •  Caldas de Reis
  •  Cambados
  •  Cangas
  •  Cañiza, A
  •  Catoira
  •  Crecente
  •  Cuntis
  •  Estrada, A
  •  Forcarei
  •  Fornelos de Montes
  •  Guarda, A
  •  Gondomar
  • Grove, O
  •  Illa de Arousa, A
  •  Lalín
  •  Meaño
  •  Moaña
  •  Mondariz
  •  Mondariz-Balneario
  •  Mos
  •  Neves, As
  •  Poio
  •  Ponteareas
  •  Porriño, O
  •  Ponte Caldelas
  •  Rosal, O
  •  Salceda de Caselas
  •  Salvaterra de Miño
  •  Silleda
  •  Soutomaior
  •  Tomiño
  •  Tui
  •  Valga
  •  Vilaboa
  •  Vilanova de Arousa
Trámites
  • Identificar a persoa condutora
  • Presentación de alegacións ou de recursos e reclamacións
  • Solicitar fraccionamentos de débedas, nos casos en que as multas sexan firmes, polo importe total da sanción sen a bonificación
Preguntas frecuentes

Necesito a carta de pagamento para aboar unha multa de tráfico. Como podo conseguila?

Dispón de diversas formas de obter a súa carta de pagamento:

  • Electronicamente, a través da Oficina Virtual Tributaria: https://ovt.depo.gal
  • No Centro de Atención Telefónica do ORAL, no teléfono 886 211 400, facilitando os datos da persoa titular do recibo e identificando o obxecto tributario (matrícula do vehículo, número de expediente, número de boletín etc…). Horario: de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres
  • Presencialmente, en calquera das oficinas do ORAL. Consulte a relación de oficinas

Máis información na OVT: "Obter documento de pagamento".

Como podo presentar unha alegación a unha multa de tráfico? Que prazo teño para facelo?

No prazo de 20 días naturais desde a notificación da denuncia pode presentar un escrito asinado coas alegacións que considere, identificando a sanción, a persoa titular desta e os datos da persoa condutora:

  • Electrónicamente, a través da Oficina Virtual Tributaria: https://ovt.depo.gal
  • Presencialmente, en calquera das oficinas do ORAL (consulte a relación de oficinas)
  • En calquera dos rexistros descritos no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Máis información na Oficina Virtual Tributaria, no enlace "Presentar solicitudes, recursos e documentación".

Recibín unha multa, pero eu non son a persoa condutora, que debo facer?

Se vostede non é responsable da infracción ten o deber de comunicar os datos da persoa condutora, no prazo de 20 días naturais, contados desde a notificación da denuncia. Os datos facilitados deben incluír o número do permiso ou licenza de condución. Se a persoa condutora non figura inscrita no Rexistro de Condutores e Infractores, a persoa titular deberá dispoñer da copia da autorización administrativa que lle habilita para conducir en España. Se a persoa titular fose unha empresa de aluguer de vehículo, a copia da autorización administrativa poderá substituírse pola copia do contrato de arrendamento.

De incumprir esta obrigación sen causa xustificada ou de omitir datos que impidan a súa perfecta identificación, habéndoselle requirido para iso, iniciarase o procedemento sancionador contra a persoa titular do vehículo, que será considerada a autora dunha infracción moi grave e implicará unha multa do dobre da prevista para a infracción orixinaria se esta é leve, e do triplo se é grave ou moi grave.

Pode identificar a persoa condutora:

  • Electronicamente, a través da Oficina Virtual Tributaria: https://ovt.depo.gal
  • Presencialmente, en calquera das oficinas do ORAL (consulte a relación de oficinas)
  • En calquera dos rexistros descritos no artigo 16.4 a) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Máis información na Oficina Virtual Tributaria, no enlace "Recibín unha multa e quero identificar o condutor".

De canto tempo dispoño para pagar coa redución do 50 %? Este pago impediríame formular alegacións contra a denuncia?

É posible pagar a multa coa redución do 50 % durante os 20 días naturais seguintes á data de notificación da denuncia. Este pago con redución implica a renuncia para formular alegacións, e de facelas teranse por non presentadas.

Non teño coñecemento de que cometese unha infracción, pero chegoume unha multa. Teñen as e os axentes a obriga de deter o vehículo e notificar no acto a denuncia?

As e os axentes teñen a obriga de deter o vehículo e notificar no acto a denuncia, salvo que se dea algunha das seguintes causas contempladas no artigo 89 do Texto refundido da Lei de tráfico e seguridade viaria:

  • Que a denuncia se formule en circunstancias nas que a detención do vehículo poida orixinar un risco para a circulación
  • Que a denuncia se formule estando o vehículo estacionado, cando a persoa condutora non estea presente
  • Que a autoridade sancionadora teña coñecemento dos feitos a través de medios de captación e reprodución de imaxes que permitan a identificación do vehículo
  • Que a ou o axente denunciante se atope realizando labores de vixilancia, control, regulación ou disciplina do tráfico e careza de medios para proceder ao seguimento do vehículo

En todos os casos a Administración terá a obriga de realizar unha notificación posterior nos prazos e na forma regulamentarios.

Negueime a asinar a notificación dunha multa no momento da infracción, que pasa se non a pago e tampouco presento alegacións? E se a asinase?

En ambos os casos considérase notificada a multa. Se a persoa denunciada non presenta alegacións nin aboa o importe da multa no prazo de 20 días naturais seguintes á notificación perde o dereito á redución no pago do 50 %, a notificación convértese en resolución e tampouco poderá presentar alegacións, executándose a prema a partir dos 30 días naturais seguintes á notificación da denuncia.

Puxéronlle unha denuncia á miña filla ou fillo menor de 18 anos. Pódenme reclamar o importe da denuncia?

Si, as nais ou pais, persoas titoras acolledoras e gardadoras legais ou de feito responderán solidariamente con ela ou el da multa imposta.

Normativa

¿Non atopas o que buscas? Chámanos ao 886 211 400/886 211 420 e te axudaremos a atopar a información que necesitas. Tamén podes mandarnos unha consulta por escrito a través do seguinte acceso: CONTACTA