IBI
Imposto sobre bens inmobles
Nesta páxina podes atopar información detallada sobre o imposto sobre bens inmobles (IBI)
Que é o IBI?
O imposto sobre bens inmobles está regulado no artigo 60 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
A mencionada normativa establece que o imposto sobre bens inmobles é un tributo directo de carácter real que grava o valor dos bens inmobles nos termos establecidos nesta lei.
Constitúe o feito impoñible do imposto a titularidade dos seguintes dereitos sobre os bens inmobles rústicos e urbanos e sobre os inmobles de características especiais:
- Dunha concesión administrativa sobre os propios inmobles ou sobre os servizos públicos aos que estean afectos.
- Dun dereito real de superficie
- Dun dereito real de usufruto
- Do dereito de propiedade
A realización do feito impoñible que corresponda de entre os definidos no apartado anterior pola orde nel establecido determinará a non suxeición do inmoble urbano ou rústico ás restantes modalidades previstas neste. Nos inmobles de características especiais aplicarase esta mesma prelación, salvo cando os dereitos de concesión que poidan recaer sobre o inmoble non esgoten a súa extensión superficial, suposto no que tamén se realizará o feito impoñible polo dereito de propiedade sobre a parte do inmoble non afectada por unha concesión.
Quen ten que pagar o IBI?
Son suxeitos pasivos, a título de contribuíntes, as persoas naturais e xurídicas e as entidades referidas no artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que ostenten a titularidade do dereito que, en cada caso, sexa constitutivo do feito impoñible deste imposto.
O artigo 63 da Lei reguladora das facendas locais fai mención expresa á figura da ou do substituto da persoa contribuínte no imposto de bens inmobles.
O artigo 64 da Lei reguladora das facendas locais fai referencia á afección de bens.
Concellos que delegaron no IBI no ORAL
- Agolada
- Arbo
- Baiona
- Barro
- Caldas de Reis
- Cambados
- Campo Lameiro
- Cangas
- Cañiza, A
- Catoira
- Cerdedo-Cotobade
- Covelo
- Crecente
- Cuntis
- Dozón
- Estrada, A
- Fornelos de Montes
- Gondomar
- Lalín
- Lama, A
- Meaño
- Meis
- Moaña
- Mondariz
- Mondariz-Balneario
- Moraña
- Mos
- Neves, As
- Nigrán
- Oia
- Pazos de Borbén
- Porriño, O
- Portas
- Poio
- Ponteareas
- Ponte Caldelas
- Pontecesures
- Rodeiro
- Rosal, O
- Salceda de Caselas
- Salvaterra de Miño
- Sanxenxo
- Silleda
- Soutomaior
- Tomiño
- Tui
- Valga
- Vilaboa
- Vila de Cruces
- Vilanova de Arousa
Trámites
- Alteracións catastrais xurídicas ou físicas
- Solicitude de bonificacións e exencións
- Presentación de recursos e reclamacións
- Solicitude de relación de bens inmobles
- Domiciliación dos meus recibos
- Solicitude de certificados de débedas
- Solicitude de fraccionamentos de débedas
Preguntas frecuentes
Como podo saber se a vivenda que vou comprar está ao corrente no pagamento do IBI?
Antes de formalizar a escritura a notaria ou notario advirte expresamente as persoas comparecentes da existencia ou non de débedas pendentes no IBI.
Un convenio asinado entre o Colexio Notarial e o ORAL permítelles ás ou aos notarios consultar esta información de forma electrónica.
Vendín/comprei unha vivenda; que teño que facer para cambiar a titularidade no IBI?
A persoa adquirinte pode solicitar o cambio de titularidade no IBI preferiblemente a través da Sede electrónica do Catastro, no asistente para declaracións catastrais de alteracións de bens inmobles.
Tamén poderá presentar o impreso 900D debidamente cuberto e asinado, xunto co documento público que acredite a titularidade, das seguintes formas:
- Presencialmente, en calquera das oficinas do ORAL ou do Catastro
- En calquera dos rexistros descritos no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
Doutra banda, a ou o vendedor pode notificar a baixa de titularidade directamente na Xerencia Territorial do Catastro a través da Sede electrónica do Catastro ou presentando o modelo de baixa catastral.
E se desexo modificar a titularidade dun inmoble de natureza rústica?
No ORAL poderemos darlle asesoramento, pero non se tramitarán os cambios de titularidade de bens inmobles de natureza rústica. Para ese trámite debe dirixirse á Xerencia Territorial de Catastro.
Vendín un inmoble este ano e chegoume o recibo de IBI, correspóndeme o pagamento?
O IBI devéngase o 1 de xaneiro de cada exercicio, polo que o pagamento correspóndelle á persoa propietaria nesa data. É dicir, se se vendeu un inmoble no transcurso do ano correspóndelle á persoa vendedora o pagamento do recibo dese ano, sen que proceda rateo ningún. Todo iso sen prexuízo do establecido polo Tribunal Supremo na sentenza do 15 xuño de 2016, na que se considera que, salvo pacto en contrario, a persoa vendedora poderá repercutir no adquirinte a parte proporcional do IBI correspondente ao período en que sexa propietario ou propietaria.
Que debo facer se o recibo ou a liquidación conteñen datos incorrectos do inmoble?
Se non está de acordo cos datos relativos ao domicilio tributario (situación, vía pública, número de policía…) ou coas superficies construídas ou da terreo que figuran no recibo, deberá dirixirse á Xerencia Territorial do Catastro, organismo competente para o mantemento da información catastral.
Podería obter algún beneficio fiscal no IBI por ter familia numerosa?
Depende de se o seu Concello aprobou este beneficio fiscal. Pode comprobalo consultando a ordenanza fiscal do IBI do municipio onde figure o seu inmoble; nela inclúense os requisitos e a porcentaxe do beneficio.
Pódenme reclamar recibos de IBI pendentes correspondentes a exercicios anteriores á compra da miña vivenda?
Si, previa declaración de insolvencia da persoa debedora principal e das posibles persoas responsables solidarias pódeselle esixir á nova persoa propietaria dun inmoble o pagamento da débeda tributaria de IBI de exercicios non prescritos anteriores á compra.
Por este motivo, antes de formalizar a escritura a notaria ou notario advírtelles expresamente ás persoas comparecentes da existencia ou non de débedas pendentes no IBI.
Recibín unha liquidación de IBI correspondente aos catro últimos anos e xa paguei no seu día os recibos anuais correspondentes aos mesmos exercicios, cal é o motivo?
As liquidacións de atrasos no IBI practícanse no caso de alteracións catastrais que afecten o valor catastral (procedemento de regularización catastral, corrección de erros, alteracións de orde física: obra nova, segregación, agrupación etc.)
Estas liquidacións calcúlanse compensando as cantidades pagadas con anterioridade polo mesmo suxeito pasivo. Se a liquidación que recibiu non incorpora a compensación de cotas pagas deberá dirixirse a calquera das oficinas do ORAL para solicitar a oportuna compensación ou, no seu caso, devolución de ingresos indebidos.
Necesito a referencia catastral da miña vivenda, como podo saber cal é?
A referencia catastral figura en todos os documentos con transcendencia tributaria vinculados ao inmoble. Polo tanto, pode atopala no recibo do IBI, aínda que corresponda a anos anteriores. Se fraccionou ou aprazou os seus recibos do IBI ou simplemente non dispón de ningún para comprobalo:
- Pode comprobar se figura na copia simple da súa escritura
- Pode consultar como obter o seu recibo na pregunta: "Non atopo o meu recibo de pagamento e necesito un xustificante, como o podo obter?". Tamén pode comprobar o valor catastral do ben inmoble no propio recibo ou xustificante.
Podo obter unha relación de bens inmobles no ORAL?
Si, pode obtela das seguintes formas:
- Electronicamente, a través da Oficina Virtual Tributaria: https://ovt.depo.gal
- Presencialmente, en calquera das oficinas do ORAL (consulte a relación de oficinas)
- Presentando unha solicitude en calquera dos rexistros descritos no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
- Na sede electrónica do Catastro
Máis información na Oficina Virtual Tributaria, nos enlaces "Presentar solicitudes, recursos e documentación" e "Consultar os meus bens e taxas".
É posible dividir a cota do IBI entre as distintas persoas propietarias do inmoble?
Cando un ben inmoble ou dereito sobre este pertenza a dúas ou máis persoas titulares, calquera delas poderá solicitar a división da cota tributaria. É indispensable achegar os datos persoais e os domicilios do resto das persoas obrigadas ao pago, así como os documentos públicos que acrediten a proporción en que cada unha participa no dominio ou dereito sobre o inmoble.
Todas as divisións de obxecto tributario terán efectos no exercicio seguinte ao da solicitude.
Non se dividirá a cota tributaria nos seguintes casos:
- Cando a cota resultante da división sexa inferior á declarada exenta pola ordenanza municipal. No caso de inexistencia dunha cota inferior na ordenanza municipal aplicarase o artigo 17 da Ordenanza fiscal xeral do ORAL
- Cando a persoa interesada non achegue os datos completos de todas as persoas cotitulares (artigo 35.7 da Lei 58/2003, xeral tributaria). Neste caso requirirase a información necesaria con anterioridade á desestimación
- Cando a persoa interesada non achegue a domiciliación da súa cota resultante (artigo 17 da Ordenanza fiscal xeral do ORAL). Neste caso requirirase a información necesaria con anterioridade á desestimación
- Se existen outros tipos de dereitos de propiedade sobre o inmoble, ademais de usufrutos, correspondéndolle a cota ás persoas usufrutuarias (consulta vinculante V0399-16, de 1 de febreiro de 2016)
- Liquidacións de atrasos (agás nos casos en que esas liquidacións deriven de declaracións catastrais presentadas en prazo e resoltas posteriormente), que non darán lugar, en ningún caso, a dereitos de devolución
- Nos supostos de réxime económico matrimonial de sociedade gananciais
Normativa
- Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais
- Real decreto lexislativo 1/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei do catastro inmobiliario
- Ordenanza fiscal xeral do Órgano de Xestión Tributaria e Recadatoria de Recursos Locais (ORAL) da Deputación de Pontevedra
- Ordenanzas fiscais do IBI aprobadas polos concellos delegantes
¿Non atopas o que buscas? Chámanos ao 886 211 400/886 211 420 e te axudaremos a atopar a información que necesitas. Tamén podes mandarnos unha consulta por escrito a través do seguinte acceso: CONTACTA