IVTM

Imposto sobre vehículos de tracción mecánica

Nesta páxina podes atopar información detallada sobre o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM)


Que é o IVTM?

O artigo 92 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, establece que o imposto sobre vehículos de tracción mecánica é un tributo directo que grava a titularidade dos vehículos desta natureza, aptos para circular polas vías públicas, calquera que sexa a súa clase e categoría.

Non están suxeitos a este imposto:

  • Os vehículos que, aínda que fosen dados de baixa nos rexistros por antigüidade do seu modelo, estean autorizados para circular excepcionalmente con ocasión de exhibicións, certames ou carreiras limitadas aos da súa natureza
  • Os remolques e semirremolques arrastrados por vehículos de tracción mecánica cuxa carga útil non sexa superior a 750 quilogramos

Quen ten que pagar o IVTM?

Son suxeitos pasivos deste imposto as persoas físicas ou xurídicas e as entidades referidas no artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, a cuxo nome estea o vehículo no permiso de circulación.

Concellos que delegaron o IVTM no ORAL
  • Agolada
  • Arbo
  • Baiona
  • Barro
  • Caldas de Reis
  • Cambados
  • Campo Lameiro
  • Cañiza, A
  • Catoira
  • Cerdedo-Cotobade
  • Covelo
  • Crecente
  • Cuntis
  • Dozón
  • Estrada, A
  • Fornelos de Montes
  • Gondomar
  • Lalín
  • Lama, A
  • Meaño
  • Meis
  • Moaña
  • Mondariz
  • Mondariz-Balneario
  • Moraña
  • Neves, As
  • Oia
  • Pazos de Borbén
  • Porriño, O
  • Portas
  • Poio
  • Ponteareas
  • Pontecesures
  • Ponte Caldelas
  • Rodeiro
  • Rosal, O
  • Salceda de Caselas
  • Salvaterra de Miño
  • Sanxenxo
  • Silleda
  • Soutomaior
  • Tomiño
  • Tui
Trámites
  • Solicitude de bonificacións e exencións que procedan
  • Presentación de solicitudes de rateo de recibos nos casos taxados
  • Solicitude de fraccionamentos
  • Domiciliación dos meus recibos
  • Solicitude de certificados de débedas
Preguntas frecuentes

Vou vender o meu vehículo, que debo facer?

Se vai entregar o seu vehículo a unha casa de compravenda para a súa posterior transmisión, deberá, no prazo de 10 días desde a entrega, solicitar a baixa temporal deste na Xefatura Provincial de Tráfico.

Se a venda ten lugar entre particulares a parte vendedora e a compradora poden dirixir conxuntamente as súas solicitudes á Xefatura de Tráfico para comunicar a transmisión. Se non é así, a parte vendedora debe notificarlle a transmisión do vehículo á Xefatura de Tráfico no prazo de 10 días desde que se produza.

Teña en conta que se non presenta a transmisión en Tráfico antes do 31 de decembro o recibo do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do ano seguinte emitirase de novo a nome da persoa vendedora.

Se vendín o meu vehículo este ano, correspóndeme o pago do IVTM? Teño que pagar todo o recibo ou a parte proporcional?

O imposto sobre vehículos devéngase o 1 de xaneiro de cada ano, polo que o pago correspóndelle á persoa propietaria nesa data. É dicir, se vendeu un vehículo no transcurso do ano, á persoa vendedora correspóndelle o pago do recibo dese ano, sen que proceda rateo ningún.

Se din de baixa o meu vehículo, correspóndeme o pago do IVTM? E, se xa o paguei, teño dereito á devolución de, polo menos, unha parte?

No caso de baixa definitiva do vehículo o importe da cota do imposto ratearase por trimestres naturais, p0lo tanto corresponderíalle o pago da parte proporcional aos trimestres do ano en que o vehículo estivese de alta en Tráfico.

Se a baixa definitiva do vehículo en Tráfico ten lugar antes de finalizar o período de pago voluntario do IVTM non é necesario que pague o recibo, xa que pode solicitar unha nova liquidación rateada en calquera oficina do ORAL.

Unha vez finalizado o período de pago voluntario, tería que pagar o recibo de IVTM e solicitar no ORAL a devolución da parte proporcional aos trimestres que corresponda.

Soamente as baixas definitivas e as temporais por roubo ou subtracción permiten o rateo da cota; o resto de baixas temporais non o permiten.

Se levo o meu vehículo ao despezamento, teño que solicitar a baixa definitiva en Tráfico?

Se entrega o seu vehículo nun Centro Autorizado de Tratamento de Vehículos (CATV) ou nunha instalación de recepción (pode consultar en www.dgt.es a relación de centros de recollida autorizados) non é necesario solicitar a baixa en Tráfico. Nestes centros emitiráselle un Certificado de destrución que acreditará suficientemente a baixa do seu vehículo.

Son unha persoa con diversidade funcional; correspóndeme a exención no pago do imposto sobre vehículo de tracción mecánica dos vehículos que figuran ao meu nome?

Poderán obter a exención no IVTM dun único vehículo (ou de uso exclusivo da persoa con diversidade funcional), se o solicitan:

  • As persoas ás que se lles recoñeceu un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 33 %
  • Pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou grande invalidez
  • Pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade

Máis información na Oficina Virtual Tributaria, no enlace "Presentar solicitudes, recursos e documentación"

Teño un vehículo cunha antigüidade superior a 25 anos, teño que pagar o imposto?

En principio, si. O Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, establece a posibilidade de bonificar a cota do imposto daqueles vehículos históricos ou cunha antigüidade mínima de 25 anos, contados desde a súa data de fabricación ou primeira matriculación. En todo caso, para gozar do beneficio fiscal requírese a aprobación previa da correspondente bonificación na Ordenanza municipal, xa que ten carácter potestativo.

Agora vivo noutro municipio e chegoume o recibo de IVTM do municipio onde residía anteriormente; que podo facer para cambialo?

Se cambiou de domicilio ten un prazo de 15 días desde o devandito cambio para comunicarllo á Xefatura Provincial de Tráfico. Unha vez realizado o cambio, a Xefatura Provincial de Tráfico comunicarállelo a ambos os dous concellos (ao do domicilio antigo e ao do novo) ou ao ORAL se estes concellos efectuaron unha delegación de competencias.

Comprei un vehículo novo, que debo facer?

Debe solicitar a matriculación do vehículo na DXT. Para iso poderá acudir a calquera Xefatura Provincial de Tráfico. Consulte a páxina web da DXT (http://www.dgt.es) para coñecer a documentación para presentar.

Para o pagamento do IVTM pode dirixirse a calquera Oficina do ORAL, sempre que o concello en cuestión efectuase a delegación da xestión deste imposto. Estas novas altas ratéanse por trimestres naturais, de tal modo que vostede pagará desde o trimestre no que dea de alta o vehículo ata a finalización do ano en curso.

Este trámite pode realizarse directamente na Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.depo.gal), no apartado "Pagar autoliquidación do imposto de vehículos (IVTM) para matricular un vehículo novo".

Comprei un vehículo, pero en Tráfico non podo realizar a transferencia porque lles figura pendente de pagamento o recibo de IVTM do ano anterior; que debo facer?

En efecto, Tráfico dispón de información actualizada sobre os recibos de IVTM pendentes de pagamento do ano anterior. Se Tráfico detecta que o vehículo do que se desexa efectuar a transferencia se atopa nesa circunstancia non a realizará mentres figure pendente.

Pode obter a carta de pagamento da débeda pendente:

  • En calquera oficina do ORAL
  • No centro de atención telefónica do ORAL, no teléfono 886 211 400
Normativa

¿Non atopas o que buscas? Chámanos ao 886 211 400/886 211 420 e te axudaremos a atopar a información que necesitas. Tamén podes mandarnos unha consulta por escrito a través do seguinte acceso: CONTACTA