IAE

Imposto sobre actividades económicas

Nesta páxina podes atopar información detallada sobre o imposto sobre actividades económicas (IAE)


Que é o IAE?

O artigo 78 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, establece que o imposto sobre actividades económicas é un tributo directo de carácter real, cuxo feito impoñible está constituído polo mero exercicio, en territorio nacional, de actividades empresariais, profesionais ou artísticas, exercidas ou non nun local determinado e especificadas ou non nas tarifas do imposto.

Quen ten que pagar o IAE?

Son suxeitos pasivos deste imposto as persoas físicas ou xurídicas e as entidades referidas no artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, sempre que realicen en territorio nacional calquera das actividades que orixinan o feito impoñible.

Cal é a cota tributaria no IAE?

A cota tributaria será a resultante de aplicar as tarifas do imposto, de acordo cos preceptos contidos no Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e nas disposicións que a complementen e desenvolvan; e os coeficientes e as bonificacións previstos pola lei e, no seu caso, acordados por cada concello e regulados nas ordenanzas fiscais respectivas.

Cal é o período impositivo e o devengo do IAE?

O período impositivo coincide co ano natural, excepto cando se trate de declaracións de alta; nese caso abarcará desde a data de comezo da actividade ata o final do ano natural.

O imposto devéngase o primeiro día do período impositivo e as cotas serán irredutibles, salvo que, nos casos de declaración de alta, o día de comezo da actividade non coincida co ano natural, en cuxo caso as cotas calcularanse proporcionalmente ao número de trimestres naturais que queden para finalizar o ano, incluído o do comezo do exercicio da actividade.

Así mesmo, e no caso de baixa por cesamento no exercicio da actividade, as cotas serán rateables por trimestres naturais, excluído aquel no que se produza o dito cesamento. Para tal fin os suxeitos pasivos poderán solicitar a devolución da parte da cota correspondente aos trimestres naturais nos que non se exerceu a actividade.

Concellos que delegaron o IAE no ORAL
  • Agolada
  • Arbo
  • Baiona
  • Barro
  • Caldas de Reis
  • Cambados
  • Campo Lameiro
  • Cangas
  • Cañiza, A
  • Catoira
  • Cerdedo-Cotobade
  • Covelo
  • Crecente
  • Cuntis
  • Dozón
  • Estrada, A
  • Fornelos de Montes
  • Gondomar
  • Lalín
  • Lama, A
  • Meaño
  • Meis
  • Moaña
  • Mondariz
  • Mondariz-Balneario
  • Moraña
  • Mos
  • Neves, As
  • Nigrán
  • Oia
  • Pazos de Borbén
  • Porriño, O
  • Portas
  • Poio
  • Ponteareas
  • Ponte Caldelas
  • Pontecesures
  • Rodeiro
  • Rosal, O
  • Salceda de Caselas
  • Salvaterra de Miño
  • Sanxenxo
  • Silleda
  • Soutomaior
  • Tomiño
  • Tui
  • Valga
  • Vilaboa
  • Vila de Cruces
  • Vilanova de Arousa
Trámites
  • Solicitude de bonificacións e exencións que procedan
  • Presentación de solicitudes de rateo de recibos nos casos taxados
  • Solicitude de fraccionamentos
  • Domiciliación dos meus recibos
  • Solicitude de certificados de débedas
Preguntas frecuentes

Quen xestiona as declaracións de alta, baixa ou variación no IAE?

É Facenda a encargada da xestión censual do imposto, é dicir, da xestión das altas, baixas e modificacións que se produzan no censo de contribuíntes. Así pois, todas as actuacións neste sentido se teñen que levar a cabo ante a AEAT (Axencia Estatal de Administración Tributaria https://www.agenciatributaria.es/).

O ORAL da Deputación de Pontevedra elabora a lista cobratoria cos datos facilitados por Facenda para a cobranza dos correspondentes recibos e realiza a xestión tributaria co recoñecemento dalgúns beneficios fiscais.

De que beneficios fiscais podo gozar?

As exencións, reguladas no artigo 82 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de facendas locais, poden ser:

  • De oficio:
    • As persoas físicas
    • Os suxeitos pasivos que inicien a súa actividade en territorio español durante os dous primeiros períodos impositivos de desenvolvemento desta
    • As entidades cuxo importe neto da cifra de negocios sexa inferior a 1.000.000 de euros
  • Rogadas, é dicir, con solicitude de parte:
    • As fundacións declaradas benéficas ou de utilidade pública e os establecementos de ensino en todos os seus graos en réxime de concerto educativo
    • As asociacións de persoas con diversidade funcional física, psíquica e sensorial, polas actividades de carácter pedagóxico, científico, asistencial e de emprego que realicen para o ensino, educación, rehabilitación e tutela das persoas con diversidade funcional

Os concellos poderán aprobar nas súas ordenanzas fiscais unha serie de bonificacións, previstas no artigo 88.2 do Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. Para máis información consulte as ordenanzas fiscais do seu municipio.

Como se calcula o recibo do IAE?

A cota de tarifa obtense por aplicación das tarifas do imposto, aprobadas xunto coa súa Instrución no Real decreto lexislativo 1175/1990, de 28 de setembro. A cota da tarifa adoita constar de dous conceptos:

  • A cota de actividade, segundo o epígrafe de que se trate, que pode ser fixa ou polo número de elementos
  • A cota de superficie, que se obtén en función da superficie dos locais en que se realiza a actividade

A continuación calcúlase a cota municipal e a recarga provincial:

A cota municipal obtense aplicando sobre a cota de tarifa o coeficiente de ponderación regulado no artigo 86 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, calculado en función do importe neto da cifra de negocios do suxeito pasivo, e que se determina de acordo coa información do seguinte cadro:

IMPORTE NETO DA CIFRA DE NEGOCIO (EUROS) COEFICIENTE

Desde 1.000.000,00 ata 5.000.000,00

1,29

Desde 5.000.000,00 ata 10.000.000,00

1,30

Desde 10.000.000,00 ata 50.000.000,00

1,32

Desde 50.000.000,00 ata 100.000.000,00

1,33

Máis de 100.000.000,00

1,35

Sen cifra neta de negocio

1,31

Logo de aplicar o coeficiente de ponderación, sobre a cota resultante aplicarase o coeficiente de situación, establecido, no seu caso, polo concello.
A recarga provincial é do 30 % no caso da provincia de Pontevedra e aplícase sobre a cota de tarifa incrementada por aplicación do coeficiente de ponderación anteriormente indicado.

Por último, aplícanse as bonificacións que correspondan (obrigatorias e potestativas) sobre a cota municipal e/ou sobre a recarga provincial.
A débeda para satisfacer é o resultado da suma da cota municipal e a recarga provincial correspondentes.

Normativa

¿Non atopas o que buscas? Chámanos ao 886 211 400/886 211 420 e te axudaremos a atopar a información que necesitas. Tamén podes mandarnos unha consulta por escrito a través do seguinte acceso: CONTACTA