Luis López salienta o potencial da provincia como destino de referencia para o enoturismo por celebracións como a Festa do Viño do Condado do Tea
O presidente provincial participa en Salvaterra de Miño nas Noites Gastronómicas desta cita, na que a través do plan +Música patrocinouse o concerto do grupo Lúar na Lubre
24/08/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar esta noite de sábado nas Noites Gastronómicas da LXV Festa do Viño do Condado do Tea. Un acto no que o mandatario provincial poido desfrutar dunha mostra dos mellores produtos gastronómicos da provincia, maridados co viño producido nesta comarca e coa música de artistas como De Vacas, Club Naval e Lúar na Lubre, actuación esta última patrocinada pola Deputación ao abeiro do programa +Música.
A Festa do Viño do Condado do Tea, cunha traxectoria de 65 anos, é a segunda festa gastronómica máis antiga de Galicia. Desde o ano 1959 a última fin de semana de agosto está dedicada en Salvaterra a enxalzar os produtos da terra e do mar das Rías Baixas. Ao longo de tres días, o público pode degustar o viño producido nesta terra acompañado xuntos coas preparacións máis saborosas da gastronomía galega ao mesmo tempo que desfrutan de exposicións, postos de degustacións ou actuacións musicais.
Desde a Deputación, amosan o apoio a esta festa —declarada no 2016 de Interese Turístico de Galicia— pola súa contribución para consolidar á provincia como un destino de referencia para o enoturismo. De feito, os asistentes a esta celebración teñen a oportunidade de degustar o viño branco do Condado do Tea, propio desta subzona e co selo de calidade da Denominación de Orixe Rías Baixas.