A Deputación porá en marcha unha nova plataforma museográfica virtual para promover a Rapa das Bestas de Sabucedo

Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística do Destino Deza-Terra de Montes, que conta cun orzamento total de 2 millóns de euros dos fondos Next Generation

27/12/2024

Nova plataforma museográfica virtual para promover a Rapa das Bestas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a creación dunha plataforma museográfica virtual de posta en valor da Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) como recurso turístico, cun orzamento próximo aos 220.000 euros. “Queremos poñer en valor, difundir e divulgar unha festa tan nosa, tan 100% Rías Baixas, como é a Rapa das Bestas”, asegurou o presidente provincial, Luis López, que lembrou a importancia desta “manifestación cultural inmaterial de gran relevancia para a provincia, que é ademais de Interese Turístico Internacional”.

A través deste proxecto, que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística do Destino Deza-Terra de Montes e que conta cun orzamento total de 2 millóns de fondos Next Generation, contémplase o deseño, subministración e instalación de 61 elementos de sinalización intelixente nos itinerarios pedestres, así como a posta en marcha dun software na nube e a creación de contidos vinculados á Rapa das Bestas de Sabucedo.

Esta actuación, para a que a Deputación asinou un convenio coa Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, únese a outros proxectos para dinamizar esta festa incluídos no plan. Entre eles salienta a proposta de renaturalizar a carballeira do Campo do Medio, que se levará a cabo a través dun convenio co Concello da Estrada e que conta cun orzamento de 124.000 €.