A Deputación leva este sábado a Cambados o novo programa +Convivir, dirixido ao movemento veciñal da provincia

A de Cambados trátase da segunda xornada deste programa de convivencia, trala celebrada o 13 de setembro na explanada da Seca de Poio coa participación de máis de medio milleiro de persoas. Colabora na organización a Mancomunidade do Salnés

26/09/2024

A Deputación de Pontevedra leva este sábado a Cambados, en colaboración coa Mancomunidade do Salnés, o  novo programa +Convivir. A Cultural da vila será o escenario onde se celebrará esta xornada lúdica e formativa dirixida ao movemento veciñal para pór en valor como “xuntos e entre todos” se constrúe a provincia.  A de Cambados trátase da segunda parada de +Convivir, trala xuntanza celebrada o pasado 13 de setembro na explanada da Seca de Poio na que participaron máis de medio milleiro de persoas.

A xornada de +Convivir en Cambados comezará ás 16:30 horas coas intervencións do presidente da Deputación, Luis López, e da vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés, Sabela Fole. A continuación terá lugar unha charla formativa de AFASAL, un obradoiro de risoterapia e saúde mental e outro de traballo funcional que irá seguido dun viño galego para todos os participantes co que se porá fin á xornada.

+Convivir é un novo programa provincial co que a Deputación de Pontevedra pretende amosar as súas sinerxías co movemento veciñal para dinamizar a provincia de Pontevedra. Ademais deste en Cambados, e do xa celebrado en Poio, está confirmada a realización de encontros cos movementos veciñais nos concellos de Cuntis, o 26 de outubro; A Estrada, o 9 de novembro; Mos, o 16 de novembro; e Tomiño o 16 de novembro.