Luis López anima a “camiñar xuntos cara a igualdade” nun acto educativo coa Familia Bolechas no que participaron 100 escolares da provincia no auditorio de Príncipe Felipe

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada Sandra Bastos, anunciou unha xira por centros educativos da provincia do espectáculo “Familia Bolechas en Igualdade” impulsado polo Ateneo pola Igualdade da Deputación

20/11/2024

Luis López anima a camiñar xuntos cara a igualdade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra o Día Mundial da Infancia coa presentación do programa de igualdade impulsado polo goberno provincial “Familia Bolechas en Igualdade” celebrado no auditorio de Príncipe Felipe no que participaron máis de cen estudantes de centros educativos da provincia. Unha xornada na que o dirixente, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos; repasou as liñas mestras do Ateneo pola Igualdade, que engloba esta e outras iniciativas para fomentar e concienciar sobre o respecto entre mulleres e homes. “Temos única meta, tomar conciencia do importante que é a Igualdade, respectarnos os uns aos outros sen importar as nosas diferenzas”, afirmou López.

A actividade consistiu nun encontro dos membros da Familia Bolechas cos alumnos e alumnas asistentes ao acto e rematou coa representación dunha obra de teatro “As formas do Amor”, de Verdeveras Expresións Artísticas. Antes do comezo do espectáculo teatral, tomou a palabra o mandatario provincial para anunciar unha iniciativa da Deputación en materia de educación e igualdade. “A Familia Bolechas vai visitar colexios de toda a provincia”, adiantou o dirixente. Os centros educativos ou concellos interesados en acoller esta visita teñen que formalizar a pertinente solicitude á Deputación.

Non é a única actividade prevista ao abeiro do Ateneo pola Igualdade da Deputación. Trátase dun programa itinerante cunha programación variada baseada en catro áreas: investigación, formación, sensibilización e difusión. O calendario comezou este mércores no centro Príncipe Felipe e conta con outras actividades como  un obradoiro de sensibilización na Escola de Enfermaría a cargo de Priscila Retamozo, ou unha acción na biblioteca do Centro Penitenciario da Lama, onde tamén se realizará un mural no patio. No ámbito educativo, ademais das visitas da Familia Bolechas, haberá un plan de formación para estudantes de secundaria e Formación Profesional estruturado en seis accións sobre as seguintes temáticas: “influencers” e “gamers”, creación de contidos de igualdade en redes sociais, educación sexo-afectiva, representación das mulleres nos medios de masas, un trivial de educación sexual e unha charla para combater os argumentos machistas e negacionistas. Os centros de ensino tamén terán á súa disposición os materiais das campañas contra agresións sexuais da Deputación, ao igual que os concellos, aos que tamén se lles ofrecerá un punto violeta.

A celebración deste Día Mundial da Infancia e a xira provincial da Familia Bolechas, así como todos os actos do Ateneo pola Igualdade enmárcase na programación do 25-N, o Día Internacional para e Eliminación da Violencia contra a Muller, no que tamén se inclúe a entrega dos primeiros Premios Boas Prácticas en Igualdade que se celebrará este xoves.

Galerias de imagenes