A Deputación confirma que a provincia liderou en novembro a estadía media de Galicia e superou destinos nacionais como País Vasco, Asturias e Cantabria
Os datos do Instituto Nacional de Estatística confirman que o turismo estranxeiro segue a medrar, cun 5% máis de visitantes que en novembro de 2023
27/12/2024
A Deputación de Pontevedra confirma que Rías Baixas segue a liderar todos os rexistros turísticos en Galicia e mesmo do norte de España. Neste caso, en novembro a provincia de Pontevedra liderou novamente o ranking de destinos turísticos galegos coa maior estadía media da comunidade, que tamén superou destinos nacionais como o País Vasco, Asturias e Cantabria. Ademais, os datos do Instituto Nacional de Estatística confirman que o turismo estranxeiro segue a medrar na provincia, cun 5,25% máis de visitantes internacionais que en novembro de 2023.
A provincia de Pontevedra recibiu en novembro de 2024 o 32% dos visitantes que acudiron a Galicia ao longo do mes, segundo os datos remitidos ao organismo provincial polo INE. En liñas xerais, o 76% foron persoas procedentes do conxunto de España e o 24% restante procedentes do estranxeiro. Ademais, a ocupación foi do 36%, superior á rexistrada en novembro do 2023.
No que respecta ao mes de decembro a oficina do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, recibiu ata a data preto de 1.000 visitantes, na súa maioría procedentes do territorio español (90,5%), principalmente de Madrid e Barcelona, fronte ao 9,5% de turistas estranxeiros que chegaron desde Portugal, Xapón, Francia e Reino Unido.