Luis López sinala a apertura da nova residencia de artistas de Ponteareas como unha mostra de municipalismo a través da cultura e da arte

O presidente provincial participa, xunto ao presidente da Xunta Alfonso Rueda e a alcaldesa e deputada Nava Castro, na inauguración dun proxecto pioneiro na provincia para promover a creación artística e dinamizar a actividade cultural da provincia

26/10/2024

Nova residencia de artistas de Ponteareas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a inauguración da nova residencia de artistas de Ponteareas, “Artistea”, como unha mostra de municipalismo a través da cultura e da arte. “Contar cunha residencia pioneira como esta en Ponteareas supón deixar unha pegada máis no patrimonio inmaterial de Ponteareas e da comarca do Condado, abrir unha porta para que artistas emerxentes da nosa provincia poidan acadar todo o seu potencial e facer deste Concello un centro para a creación artística e o intercambio de experiencias e coñecemento que nos enriquecerá a todos”, afirmou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; así como a alcaldesa e deputada provincial, Nava Castro; e o deputado de Cultura, Jorge Cubela.

Este novo proxecto cultural e artístico bota a andar cunha programación inicial na que oito artistas de diversas disciplinas crearán durante unha semana unha obra relacionada con Ponteareas, ao tempo que o Concello lles brinda unha oportunidade aos novos talentos cun espazo para estimular a súa creatividade e recibir clases de artistas consagrados. Nesta primeira edición están seleccionados proxectos relacionados co patrimonio, a poesía, a tecnoloxía, a performance ou a música.

“Unha iniciativa que servirá para consolidar este Centro Cívico como un espazo para o coñecemento e a cultura. Un edificio que, ademais, xa fora obxecto da colaboración institucional que promovemos desde o goberno provincial ao ser reformado de xeito integral cunha subvención da Deputación”, sinalou Luis López sobre un inmoble que, ademais da residencia de artistas, é tamén sede da aula que a UNED ten en Ponteareas.

Despois de recoñecer o mérito para poñer en marcha este proxecto de Nava Castro, á que Luis López presentou como “unha xestora que é boa imaxinando ideas, pero aínda mellor levándoas á práctica” tanto na faceta de alcaldesa como na de responsable da área de Turismo da Deputación; o dirixente provincial deu os parabéns a todas as entidades implicadas na apertura desta residencia pioneira, reafirmou o compromiso da Deputación para seguir colaborando cos concellos e cos colectivos culturais da provincia e convidou a toda a veciñanza e amantes da arte a desfrutar e participar das actividades promovidas desde a residencia Artistea.

Galerias de imaxes