Luis López destaca os preto de 400.000 euros investidos pola Deputación para a humanización e ampliación das zonas verdes do Paseo Naval da Illa de Arousa

O presidente provincial, acompañado polo alcalde Luis Arosa, percorreu a nova senda peonil impulsada polo organismo provincial ao abeiro do plan PON2030

09/12/2024

Humanización e ampliación das zonas verdes do Paseo Naval da Illa de Arousa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou os preto de 400.000 euros investidos polo organismo provincial para a construción da nova senda peonil do Paseo Naval, na Illa de Arousa, ao abeiro do programa PON2030 que permite ampliar as zonas verdes, mellorar a seguridade viaria e potenciar unha parte fundamental para a vida comercial e social da vila. “É unha actuación que conecta a parte comercial co pulmón verde da Illa e vai ser un plus para os veciños, que gañan espazos porque non van circular vehículos e porque inclúe a renovación dos servizos”, destacou o dirixente, que comprobou o remate dos traballos acompañado polo alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa.

O proxecto, executado ao abeiro do programa PON2030, conta cun orzamento de 440.000 euros dos que a institución provincial achega o 90 % do total, uns 400.000 euros, mentres que o Concello aporta o 10 % restante, arredor de 40.000 euros. A obra consistiu na construción de novas beirarrúas onde non existían e a ampliación do ancho das existentes, a reordenación das zonas de aparcamento, a supresión dunha mediana, a creación dun carril bici e a implantación de novos elementos vexetais, mobiliario urbano e a renovación da iluminación e de todos os servizos. “Poñemos a disposición da veciñanza unha zona no centro da Illa de Arousa que vai dinamizar a zona desde o punto de vista comercial, social e cultural”, remarcou o presidente.

Neste sentido, o mandatario provincial subliñou a vocación “municipalista” do goberno da Deputación. “Teño que darlle os parabéns ao Concello polo acertada que foi esta actuación”, recoñeceu Luis López, quen tamén puxo en valor o traballo dos técnicos e da empresa adxudicataria do proxecto. Así mesmo, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación para “seguir colaborando co Concello e seguir executando accións e plans que teñan desenlaces coma este”, concluíu Luis López.