A Deputación destina 280.000 euros aos concellos de Tui e Vilagarcía para acometer melloras en infraestruturas deportivas

Tui recibirá 105.000 € para realizar melloras na pista polideportiva de Randulfe e Vilagarcía de Arousa 180.000 € para a reposición do céspede artificial no campo de Berdón

03/05/2024

Luis López en rolda de prensa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 280.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Tui e Vilagarcía de Arousa acometan melloras nos seus equipamentos. O presidente da institución provincial, Luis López, detallou que Tui recibirá 105.000 € para realizar melloras na pista polideportiva de Randulfe e Vilagarcía 180.000 € para a reposición do céspede artificial no campo de Berdón.

O Concello de Tui destinará esta achega de 105.881 € a mellorar unha instalación que, na actualidade, debido ás súas características construtivas e á climatoloxía do lugar no que se localiza, sufre da formación de condensacións superficiais en diferentes zonas, chegando a impedir incluso a utilización do pavillón por parte dos escolares. Para arranxar estas deficiencias, o proxecto contempla o cambio da cuberta da pista deportiva e a substitución de parte dos elementos existentes na fachada por unhas rexiñas que permitan realizar unha ventilación natural do espazo.

No que respecta a Vilagarcía de Arousa, "o concello que se beneficiou da contía máis elevada do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas", tal e como recordou o presidente provincial, poderá afrontar cos 176.336 euros dos recursos provinciais a reposición do céspede artificial no campo de fútbol de Berdón.

Ata o de agora, a Deputación de Pontevedra aprobou xa preto de 2,4 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. "Temos superado o ecuador deste programa co que reafirmamos o noso compromiso co deporte e a mellora das instalacións deportivas desta provincia", remarcou Luis López. Deste xeito, ademais de para Tui e Vilagarcía de Arousa, tamén se destinaron recursos aos concellos da Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.